Saturday 27 de April de 2024

O Concello acomete melloras na área de xogos infantís do Parque Europa


A intervención, enmarcada no Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís posto en marcha polo Goberno municipal, abrangue a reforma do muro perimetral do recinto e a substitución do firme

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, comezou esta semana os traballos para a renovación integral dos 331 metros cadrados do firme de caucho na área de xogos infantís do Parque Europa, situado entre os barrios de Catro Camiños e A Gaiteira, incrementando o espesor do caucho co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas usuarias.

Neste sentido, estase a aplicar unha capa extra para aumentar a capacidade de amortecemento do firme, e tamén unha segunda capa de acabado que proporcionará unha maior durabilidade do caucho ante as inclemencias climatolóxicas.

A intervención, enmarcada no Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís impulsado polo Goberno de Inés Rey nos barrios da cidade, abrangue a prolongación do muro de contención existente ao pé da ribada, reformando o perímetro da área de xogos.

Mellorarase, ademais, o mobiliario existente no recinto.
A previsión do servizo de Infraestruturas é que as obras de renovación do firme de caucho, estean rematadas, aproximadamente, nun prazo de vinte días, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.

Os traballos no Parque Europa, tras os executados en Berta Tapia e San Xaime
O Concello da Coruña, de acordo co Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís, está realizando actuacións para acondicionar e mellorar a accesibilidade nos parques da cidade.

Os traballos que se están levando a cabo na zona de xogos infantís do Parque Europa súmanse ás actuacións xa rematadas a inicios de abril en Mosteiro de Cines e Lagoas, así como ás executadas en San Xaime (Sagrada Familia) e Berta Tapia (Labañou) entre finais de abril e comezos de maio.

Así, o Goberno de Inés Rey avanza no seu obxectivo de completar o Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís, unha estratexia anunciada o pasado mes de xuño do 2021 pola alcaldesa para garantir o correcto mantemento destes espazos, así como as mellores condicións de accesibilidade ás nenas e nenos da cidade.